Skip to main content

O entroido máis longo, máis tolo e máis auténtico de Galicia

Se buscas unha festa capaz de facer vibrar o inverno, Xinzo de Limia é o lugar onde a diversión non ten freos. O seu Entroido é moito máis que unha tradición: é unha celebración internacional, recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional desde 2019, que transforma a vila nunha explosión de cor, música, retranca e alegría.

Aquí o Entroido dura máis ca en ningún outro sitio. Todo comeza tres fins de semana antes do propio domingo de Entroido co famoso Domingo Fareleiro, cando a Praza Maior se converte nun campo de batalla amigable a base de farelo, risas e moita complicidade.

A semana seguinte é tempo da Procesión do Meco, unha comitiva tan surrealista como auténtica: bois, touro, choqueiros, gaiteiros, máscaras, fachucos de palla e moito humor, que rematan co tradicional “Colgamento do Meco” na Praza Maior. Ao día seguinte, co Domingo Oleiro, toca poñer a destreza a proba pasando olas de barro de man en man, xogando e rindo coma nenos, mantendo viva unha das tradicións máis queridas de Xinzo.

E isto non para: o Sábado de Corredoiro é das mulleres, que enchen restaurantes e casas particulares de disfraces e ledicia; e o Domingo de Corredoiro marca a primeira saída das Pantallas, as raíñas indiscutibles do Entroido.

Despois, cinco días de auténtica tolemia: charangas, bandas de gaitas, rúas cheas de xente, música e baile sen parar ata o Martes de Entroido, onde o gran desfile enche Xinzo de fantasía e creatividade. O Mércores de Cinza chega o Enterro da Sardiña, co seu peculiar sermón e a queima simbólica, despedindo ao Entroido cun sorriso e unha promesa de volta.

O ciclo péchase co Sábado e Domingo de Piñata: xogos tradicionais como a cucaña, animación infantil, e o regreso do meco ao Museo do Entroido para que nunca se perda a memoria desta festa única.

E se hai un símbolo que o mundo enteiro recoñece, é a Pantalla: máscara misteriosa, alegre e vixiante, co seu traxe branco, capa vermella e o son inconfundible das campás e vexigas. A súa misión? Asegurar que ninguén quede sen disfrazar e, se é preciso, levarte ao bar máis próximo para invitar a unha rolda de viño. Así é Xinzo: tradición, humor, participación e comunidade, sen límites nin fronteiras.

Vive o Entroido de Xinzo, vive un dos 25 motivos que fan do territorio Limia-Arnoia un destino para non esquecer!