Skip to main content

Romaría da Saínza – Rairiz de Veiga

Fe, tradición e espectáculo no territorio Limia-Arnoia

Cada último domingo de setembro, o concello de Rairiz de Veiga convértese nun auténtico epicentro de fe, cultura e tradición coa súa Romería da Saínza, unha festa declarada de Interese Turístico de Galicia e sinal de identidade para toda a comarca da Limia.

A celebración xira arredor da honra á Virxe da Mercé, no templo erguido en 1721 e reconstruído no século XIX polo párroco Manuel Alonso Dorado, quen tamén foi o gran impulsor da festa. Segundo conta a tradición, o sacerdote fixo unha promesa á Virxe cando se atopaba en perigo de morte no norte de África. Dende entón, a devoción transformouse nunha das romarías máis singulares de Galicia.

O momento máis esperado é sen dúbida o Combate de Mouros e Cristiáns, unha representación que se celebra no campo do castelo da Saínza e que se incorporou á festa en 1840. Aquí enfrontanse dous mundos: o ben e o mal, a fe e a rebeldía. Os mouros, armados, custodian a fortaleza e reclaman o tributo das “cen doncelas”. Os capitáns, subidos nas pedras do “parlamento” —como as bautizou Vicente Risco—, cruzan discursos en verso que desembocan na declaración formal da guerra. A batalla chega ao seu clímax coa vitoria dos cristiáns, a liberación dos cativos, a queima do castelo rebelde e a conversión dos mouros, que se arrepinten e honran á Virxe.

Pero a Saínza é moito máis ca unha representación: é procesión solemne, sermóns, cánticos e tamén convivencia popular. Cada ano, milleiros de persoas de Galicia, España e Portugal acoden a este campo para vivir a experiencia en familia, compartir mesa ao aire libre e desfrutar dunha xornada chea de emoción, fe e festa. O ambiente complétase con música, baile, foguetes e un espírito comunitario que fai desta romaría unha cita inesquecible.

A Romaría da Saínza é tradición viva, memoria compartida e un motivo máis para descubrir o territorio Limia-Arnoia.